Un evento clave organizado pola Xunta de Galicia para analizar os avances e retos do sector na comunidade
O pasado martes 14, as socias de Larega tiveron a oportunidade de asistir á presentación dos resultados da Estratexia Galega de Economía Social: Resultados 2024 e Axenda 2025. O evento, que se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, contou coa participación de diversas personalidades do ámbito institucional e da economía social en Galicia.
A xornada foi inaugurada polo Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, quen deu paso á intervención de Pablo Fernández, Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais, encargado de presentar a rendición de contas da Estratexia Galega en Economía Social para o ano 2024. Este repaso aos avances da Estratexia serviu para analizar os logros acadados e as áreas nas que se debe seguir traballando para reforzar a Economía Social en Galicia.
A continuación, tivo lugar unha mesa redonda na que se analizaron as perspectivas da Economía Social para o período 2024-2027. Nela participaron destacados representantes do sector, como Manuel Pérez, Presidente do Consello Económico e Social de Galicia; Herminio Martínez, representante de CEGASAL e presidente de ForoESGal; Carmen Rodríguez, representante de AGACA; Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop; Manuel Fernández, secretario da directiva de AEIGA; e Xosé Lois, representante de AESGAL. Durante a mesa redonda, os participantes expuxeron as súas análises sobre a Estratexia e as posibles vías para mellorar a súa implementación, destacando a importancia da colaboración entre as diversas entidades do sector.
Para pechar a xornada, Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, presentou a Estratexia Galega de Economía Social: Axenda 2025. Este documento establece as bases para o desenvolvemento da Economía Social en Galicia durante os próximos anos, orientando os esfuerzos cara á consolidación e o crecemento dun modelo económico máis xusto e sostible.
O evento finalizou cun espazo de networking, onde as socias e os participantes tiveron a oportunidade de intercambiar impresións e establecer novas conexións. A xornada foi de gran interese para as socias de Larega, ofrecendo unha visión global do presente e futuro da Economía Social en Galicia.
Dende Larega, continuamos comprometidas coa promoción da Economía Social e o fortalecemento do movemento cooperativo, contribuíndo ao progreso dunha sociedade máis inclusiva e sostible.