Durante dous días de charlas e reflexións colectivas, destacouse o impacto transformador da economía social tanto a nivel persoal como na sociedade galega.
Os pasados xoves 24 e venres 25 de outubro, a nosa cooperativa Larega tivo o pracer de asistir ao I Congreso de Economía Social e Solidaria en Galicia, un evento pioneiro organizado por REAS Galicia e celebrado no emblemático Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Este congreso reuniu durante dous días a persoas e entidades de toda Galicia implicadas na economía social, ofrecendo un espazo de reflexión, aprendizaxe e creación colectiva. Ao longo de diversas charlas e grupos de traballo, tratáronse temas fundamentais para o sector, centrando a atención non só na presenza actual da economía social en Galicia, senón tamén no seu potencial transformador a nivel persoal e social.
A economía social foi presentada, ademais de un modelo económico viable, como unha forza que "nos transforma" individualmente e que tamén ten a capacidade de "transformar o mundo", promovendo valores como a solidariedade, a sustentabilidade e a igualdade. O congreso contou coa participación de destacadas figuras do ámbito da economía social en Galicia, así como representantes de diversas entidades de economía social galegas, cuxas intervencións achegaron unha valiosa perspectiva sobre o presente e o futuro deste modelo.
Para Larega, participar neste congreso supuxo unha oportunidade enriquecedora para compartir experiencias, fortalecer redes e reforzar o noso compromiso co desenvolvemento dunha economía que poña as persoas e o benestar colectivo no centro.